Finou David Eddings

0
190

David EddingsO escritor de fantasía David Eddings ven de morrer o mércores pasado aos 77 anos de idade. Se cadra que digan dun escritor que foi un best-seller e moi popular é algo queacontecedecote cando se escribe unha necrolóxica, pero no caso de Eddings é totalmente certo e ben merecido.

Nacido en 1931 en Spokane, Washington, Eddings medrou preto de Puget Sound. Após de se graduar no instituto en 1949, traballou como lector, dando discursos e gañando algúns prémios pola súa oratória. En 1961 obtivo o seu doutorado cunha tese que era unha novela, antes de ser recrutado polo exército.

Mentres traballaba como xerente nunha tenda de alimentación, decatou-se un día de que O Señor dos Anéis ía na súa 79ª edición e que non había ningunha outra saga fantástica que lle fixera sombra até entón. Descubriu asemade o seu futuro como escritor.

O mundo fantástico de Eddings está cheo de máxia, pero tamén de crítica social, relixiosa (son imperdíbeis os diálogos cos membros da igrexa dos Pandións), de humor, e coma toda boa fantasía, dun ecoloxismo que subxaz por baixo de todo. Os deuses acompañan ás persoas e se deixan querer polos seus adoradores, os soldados son valentes, os persoaxes malvados son malísimos e non teñen cura posíbel, hai sorpresas, emoción, aventuras…

A saga de Belgariad, que ía sobre o clásico “rapaz granxeiro descubre o seu destino” narraba as aventuras de Belgarion, Polgara, Belgarath e mais a súa compañía de heroes: unha família de meigos cun avó ao xeito de Gandalf. O primeiro volume, Pawn of Prophecy, apareceu en 1982 e foi continuado por Queen of Sorcery, Magician’s Gambit, Castle of Wizardry e Enchanters’ End Game. Venderon tantos exemplares que deixaron abraiadas ás editoriais da época.

Se cadra Eddings nunca foi merecedor do prémio Nóbel. A súa literatura era demasiado doada, por veces daba a sensación de que escribía sempre un diálogo de mais, por encher máis páxinas, pero os seus guións eran maxistrais, os xiros do argumentos insospeitados, todo digno sempre do millor dos culebróns. A súa obra influiu en centos de autores posteriores, nunha época na que á penas escomezaba a Internet, Eddings era xa o autor favorito de case todo o mundo nos “newsgroups“.

El mesmo declarou mais dunha vez que escribía para gañar cartos, que ese foi o motivo polo que escomezou, e que unha vez sentiu que xa non tiña ren mais que contar, non volvería escribir sobre os mesmos persoaxes. Iso foi hai quince anos, en 1994, e mália as constantes presións dos seus millóns de fans, nunca deu volta atrás. En 2002 apareceu a súa saga Dreamers, de 4 tomos, rematada en 2006, pero xa non era o mesmo universos fantástico.

En febreiro de 2007 a súa esposa, xunto coa que escribira moitos dos seus libros (aparecía como coautora) e que foi a súa musa para crear á meiga Polgara e para encher dun non indisimulado feminismo as súas histórias, finou aos 69 anos. Sen dúbida foi demasiado para un home a quen a vida lle concedeu o que el lle pediu: un espazo no que vivir, e tempo para disfruta-lo.

Agora xa só o poderemos ver cabalgar con Falquión nas pradeiras de Elénia, marchando cara ao reino de Aphrael. Vai co vento, compadre!