Ridley Scott anúncia unha nova série de CF para a Internet

0
241

Ridley ScottRidley Scott, director do clásico da ciéncia-ficción de 1982 Blade Runner, ven de anunciar que unha filial da súa compañía produtora de anúncios, a RSA Films, está a traballar nunha série de vídeo para a Web titulada Purefold, ambientada nun mundo futuro semellante ao da súa popular longametraxe.

Purefold é unha série de curtas de entre 5 e 10 minutos de duración cadansúa, vencelladas entre elas, e dirixidos principalmente a se emitir na Internet, e se cadra logo na televisión, e que está situada nalgún punto do tempo anterior a 2019, cando ten lugar o filme distópico que protagonizara Harrison Ford en Los Angeles.

Scott, o seu irmán Tony, e mais o seu fillo Luke están a desenvolver o proxecto xunto aos estudos independentes Ag8. A série non utilizará persoaxes ou situacións de Blade Runner (que está á súa vez baseada no clásico de Philip K. Dick Soñan os androides con ovellas eléctricas?) senón que se limitará a manexar temas semellantes.

Purefold tentará utilizar a opinión dos espectadores para continuar co guión, en conxunción co sítio web de redes sociais FriendFeed.

A série ten previsto debutar a finais deste verán, cun primeiro episódio que imaxinará acontecementos a ocurrir dous anos no noso futuro, e baixo o tema central de “O que sinifica ser humán?”