Reparto dos prémios Saturno

961

The Dark KnightO Cabaleiro Escuro (si, ese filme rodado hai dous anos) ainda segue dando que falar a quen quere aparecer nos médios de comunicación por lle conceder algún novo prémio ao seu defunto actor secundário Heath Ledger.

E nesta ocasión foron os escuros prémios Saturno, que concede a Académia de Cinema Fantástico e de Terror, na súa 35ª edición. O Cabaleiro Escuro levou cinco prémios, ao millor filme de acción, aventura ou thriller, ao millor guión, o xa mencionado a Ledger, e millor música e aos millores efectos especiais.

O curioso caso de Benjamin Button e Iron Man, con tres estatuíñas cadanseu, levaron os prémios ao millor filme fantástico, millor actriz secundária e millor maquillaxe. Iron Man gañou nas categorías de millor filme de ciéncia-ficción, millor actor e millor director.

Outros gañadores foron Hellboy II ao millor filme de terror, Angelina Jolie como millor actriz, Jaden Christopher Smith como millor actor novo, Indiana Jones e o Reino da Caveira de Cristal ao millor vestiário, Let the Right One In ao millor filme estranxeiro (non americano, se entende) e WALL-E ao millor filme de debuxos animados.

Na categoría de televisión, Battlestar Galactica levou tres prémios e Dexter outros dous.

Tamén houbo reparto en categorías de lanzamento en DVD e vários persoeiros levaron mais estatuíñas para impresionar aos fotógrafos da prensa: Jeffrey Katzenberg recebiu o prémio “Visionário” polos seus esforzos en prol do cinema en 3D e o clásico Leonard Nimoy recebiu outro por interpretar a Mr. Spock en Star Trek. O actor Lance Henriksen levou o derradeiro da noite polos méritos da súa carreira.