Morreu Farrah Fawcett

0
173

Farrah FawcettA actriz Farrah Fawcett finou o xoves á idade de 62 anos após dunha longa batalla de tres anos contra un cancro. Para os fans desaparece unha actriz que foi un sex-symbol mundial, e que deixa após de si unha considerábel obra tanto no cinema coma na televisión.

Os seus papeis mais famosos inclúen éxitos dos anos 70 na televisión coma as séries Os Anxos de Charlie e O Home de Seis Millóns de Dólares, onde facía papéis de guapa loira que loitaba contra o crime. Xunto a outras estrelas da época coma Kate Jackson e Jaclyn Smith, Fawcett converteu-se nunha estrela mundial grazas ás súas curvas, aos seus peiteados e ao seu carisma, que foi imitado por millóns de mulleres no mundo.

Como actriz de xénero, Fawcett interveu en várias producións que xa son iconas da fantasía e a ciéncia-ficción. En 1976, o mesmo ano que debutou coma Anxo de Charlie, apareceu en A Fuga de Logan, a película psicodélica dirixida por Michael Anderson. Ainda que non tiña un papel moi salientábel, contribiui en grande medida a que o filme fose un éxito mundial, recadando 25 millóns de dólares da época.

Un papel no xénero da CF que foi mais importante foi no filme de 1980 de Stanley Donen Saturno 3, onde compartiu protagonismo con Kirk Douglas. Ainda que a película tivo moitos problemas de produción e distribución, que non axudaron a que tivese un grande nivel artístico, converteu-se nun éxito grazas aos escasos segundos nos que puidemos disfrutar da visión da actriz espida por primeira vez na pantalla.

A súa carreira pasou por altibaixos dende aquela, até que aos 48 anos apareceu espida novamente na revista Playboy, o que lle deu unha nova oportunidade. En 2006 foi diagnosticada cun cancro e escomezou o tratamento, pero sen resultados positivos. O cancro converteuse en metástase no fígado e Fawcett finou sen que puidera chegar a celebrar a voda que tiña prevista co seu compañeiro de case toda a vida, Ryan O’Neal.