Adéus ao Rei do Pop

0
272

Michael JacksonMichael Jackson, o lendário rei do pop, finou aos 50 anos de idade o pasado xoves á noite por mor dun ataque ao corazón, se ben se continúan a investigar as verdadeiras causas da súa morte, que puido ser orixinada por unha sobredose dalgún fármaco non totalmente legal.

O seu álbum de 1982 Thriller non só se converteu no álbum mais vendido de todos os tempos, producindo sete números ún entre os seus éxitos e vendendo mais de 50 millóns de cópias, senón que foi acompañado por un vídeo musical de 14 minutos de duración e que sentou todo un precedente na indústria da música.

Mais un curto de terror ca un vídeo musical, foi dirixido por John Landis, e nel aparecía Jackson no papel dun rapaz que se converte nun lobishome e logo nun zombi seguido por unha lexión de monstros. Foi o vídeo musical mais caro do seu tempo e a coreografía utilizada nel converteu-se nun clásico.

A carreira musical de Jackson abranguiu 45 anos: escomenzou en 1964 cando el á penas contaba con 5 anos de idade e cantaba e bailaba xunto aos seus irmáns no grupo Jackson 5 que facía música na Motown Records.

No mundo do cinema Michael Jackson aventurou-se por primeira vezn en 1978 cando interpretou ao espantallo no filme The Wiz, outra versión musical de O Meigo de Oz xunto a unha Diana Ross que fixo de Dorothy e a Richard Pryor coma o Meigo. Foi daquela cando coñeceu a Quincy Jones, o produtor responsábel da banda sonora do filme. Baixo a súa guía, Jackson lanzou o seu primeiro álbum en solitário, Off the Wall, que foi un éxito mundial. Nombergantes, non sería até o seu seguinte álbum, Thriller, cando se lle comezou a chamar con toda xustiza o Rei do Pop.

En 1983 Jackson inventou o seu paso de baile mais famoso, o “Moonwalk”, e ao ano seguinte deixou abraiados a todos ao levar para casa oito Grammys dunha tacada. En 1985 produciu xunto a Lionel Ritchie a canzón We are the World, grazas á cal axuntou a 45 estrelas da música para axudar a reducir a fame en África.

Após diso experimentou co cinema unha vez mais, protagonizando o filme en 3D Captain EO, dirixido por Francis Ford Coppola e producido por George Lucas. Ainda que nunca foi distribuido oficialmente, foi visionado moitasveces como atracción especial nos parques temáticos da Disney en todo o mundo. Nel, Jackson interpreta ao Capitán EO, o comandante dunha nave espacial que visita un planeta governado por unha tiránica líder a quen deu vida Anjelica Huston. O Capitán EO e mais a súa tripulación enviaban unha mensaxe de amor e felicidade ao mundo a través da música e o baile.

Os anos 80 remataron para Jackson co seu álbum Bad, que foi un éxito novamente e xenerou unha série de concertos por todo o mundo que ainda seguen a ser récord mundial de recadación, con 124 millóns de dólares só entre setembro de 1987 e decembro de 1988. Neste mesmo ano Michael Jackson: Moonwalker foi o seu segundo intento de se lanzar como actor no cinema, nun filme dirixido por Jerry Kramer e Colin Chilvers, e protagonizado por Joe Pesci, Sean Lennon, Kellie Parker e Brandon Adams. Moonwalker é unha estraña fantasía musical que reatrata a Jackson coma unha espécie de superheroe do pop. A finais dos 80, xa fora aclamado oficialmente coma Artista da Década.

En 1997, Michael lanzou o álbum remix Blood on the Dance Floor, que foi acompañado por unha curtometraxe de38 minutos titulada Ghosts, e na que Michael interpretou un total de cinco papeis. Ghosts estaba baseada nun conto escrito por Jackson e Stephen King e foi dirixida polo gañador dun Oscar Stan Winston.

Jackson regresou ao cinema en 2003 con Men in Black II, na que tivo un pequeno cameo no papel do persoaxe Axente M. Os derradeiros anos da súa vida transcurriron entre fallos de saúde e problemas legais que o levaron aos tribunais, todo baixo a presión dos médios de comunicación e o vixiante escrutínio de todo o mundo.

Calquera que sexa a opinión sobre o home, a figura de Michael Jackson na história da música é xigantesca. A súa pegada no alma da música moderna é imborrábel, a súa paixón por sempre ir un pouco máis aló no terreo artístico, técnico, profesional… inspirou a toda unha xeración de artistas e axudou a rachar as barreiras da creatividade e da experimentación musical, revolucionando o mundo.

Foi descrito coma o “embaixador da música”, axudando a eliminar barreiras entre xéneros, dende o rap até o country, do heavy metal ao Rhythm & Blues. A súa figura sen dúbida ficará nas nosas memórias coma a dunha auténtica lenda, e será sempre relembrado por todos os tempos coma o Rei do Pop.