Volve a Nación Álien

639

Alien NationOutra franquía de ciéncia-ficción está por se gañar un relanzamento nos vindeiros meses: a canle SCI FI Channel está a desenvolver unha nova versión de Alien Nation, que se orixinou en 1988 como filme escrito por Rockne O’Bannon e foi logo reconvertido en série de televisión e mesmo en vários telefilmes.

Tim Minear (o guionista e produtor coñecido polo seu traballo en séries coma Angel, Firefly e Wonderfalls) será quen se encargue do guión neste novo proxecto, que coma lembraredes, ía sobre a chegada dun grupo de áliens refuxiados e de como se integraban entre a povoación humana, todo elo enfocado no protagonista, un detective de policía veterán que recibe como compañeiro a un “recén chegado”.

Alien Nation foi creado coma unha metáfora da inmigración e dos efectos que afrontarían os Estados unidos dos anos 80. A nova versión continuará coas mesmas cuestións, pero enfocándoo nos nosos tempos, a primeira metade do século XXI. De feito, a nova série está deseñada para se ambientar nos anos 20 do século XXI, uns 20 anos despóis de que a primeira nave de áliens se estrelara contra o noso planeta, e terá lugar na costa noroeste dos Estados Unidos ou en Vancouver (Canadá). Os áliens xa se multiplicaron até acadar unha povoación de 3,5 millóns de persoas, creando guetos semellantes aos dos africanos en Franza.

Esta nova coincide cun filme de características semellantes, District 9, que será producido por Peter Jackson e que vai sobre a chegada dun grupo de refuxiados que son segregados da sociedade e internados en campamentos. Este outro filme estreará-se o vindeiro 14 de agosto.