Rupert Grint, o actor que interpreta a Ron Weasley nos filmes de Harry Potter, contraiu febre porcina tres días antes de que a última entrega da saga se estreara en Londres.
Grint tomou-se vários días libres mentres rodaba Harry Potter and the Deathly Hallows, pero finalmente se puido reunir cos seus compañeiros de reparto na alfombra vermella que onte martes se puxo diante do cinema no que se estreou o filme Harry Potter and the Half-Blood Prince.
“Ven de se confirmar que Rupert Grint tomou-se uns días libres lonxe da rodaxe por mor dun brote non grave de febre porcina“, dixo o seu publicista nun comunicado oficial. “Arestora xa se atopa recuperado e está desexando reunir-se cos seus compañeiros para a estrea e mais a promoción do filme esta mesma semana e logo poder regresar á rodaxe de seguido“.
A rodaxe non tivo que se interrumpir pola auséncia do xoven actor, de 20 anos de idade.
Harry Potter and the Half-Blood Prince estreará-se o vindeiro 15 de xullo na meirande parte de Europa, mentres que nos Estados Unidos e no Xapón será dous días despois.
Polo de agora, hai contabilizados catro casos de falecemento en Inglaterra por mor da febre porcina, tamén chamada gripe A ou virus H1N1, ainda que o país conta co número mais grande de Europa en canto a casos desta enfermidade, somando xa ao redor do 7.500 infectados.
O governo advertiu que esta cifra podería incrementar-se até os 100.000 a finais do vindeiro mes de agosto.