O pasado venres, no Twitter oficial de LucasArts apareceu unha mensaxe que apuntaba a que axiña emitirían un comunicado que interesaría aos fans da vella escola da compañía. E a nova é a alianza da LucasArts con Steam, o sistema de venda online de Valve, onde estarán dispoñíbeis os clásicos Loom, The Dig e mais as dúas aventuras gráficas de Indiana Jones.
“Este esforzo fará posíbel que unha nova xeración de xogadores coñeza os clásicos da LucasArts“— comentou Darrell Rodriguez, actual presidente da compañía — “Ademais, permite ao público acceder aos nosos xogos moito tempo despois da sua desaparición das tendas. Esperamos que os nosos seguidores estean tan emocionados cos nosos plans coma nós, que non podemos agardar a revelar o noso vindeiro paso. Isto é só o comezo“.
O certo é que esta alianza servirá para que os xogadores deixen de ter unha excusa para se descargar as vellas aventuras gráficas da LucasArts en sítios piratas e poidan xogar con eles (iso sí, sen poder descarga-los). O sítio Twitter da LucasArts continuará fornecendo de novidades ao respeito.