Richard Stanley terá vacacións

0
151

HardwareApós dunha longa espera seica por fin corren bos tempos para un dos directores de culto malditos dentro do cinema fantástico, Richard Stanley. Non só o seu clásico filme Hardware por fin será estreado en DVD senón que ademais os rumores apuntan a que será o encargado de realizar o vindeiro proxecto da Komodo Films, a empresa de Brian Yuzna, e por outra banda o seu longamente agardado proxecto The Bones Of The Earth podería ter unha nova oportunidade.

Pero antes de todo iso, Stanley regresará para dirixir outro proxecto que estaba abandoado, o thriller Vacation. Esta película tiña un guión orixinal de Bruce Campbell, quen ademais contaba con ser o protagonista. Pero non será Campbell quen se leve o papel principal senón un Superman. O que non se sabe é se este será Tom Welling, o Superman da série de televisión Smallville, ou Dean Cain, o Superman de Lois and Clark. En calquera caso, haberá un Superman á fronte desta longametraxe.

Vacation é a história dun banqueiro adito á cocaína que viaxa cunha moza stripper a un hoteliño do Médio Este de vacacións. Os seus problemas persoais axiña palidecerán perante o desastre que bate neles en forma de misteriosa tormenta solar, que elimina toda caste de comunicación e os deixa aillados no peor e mais hostil dos lugares.