A Rebelión de Atlas chega á tele

0
153

A rebelión de AtlasCharlize Theron, a gañadora dun Oscar de Hollywood polo seu papel da asasina en série Aileen Wuornos no filme Monster, está a manter conversas coa equipa de produtores formada polo matrimónio de Howard e Karen Baldwin na Lionsgate para ver que posibilidades hai de levar á televisión a novela de ciéncia-ficción distópica de Ayn Rand de 1957 Atlas Shrugged (A rebelión de Atlas) e converte-la nunha minisérie. O programa estaría producido pola Epix, unha canle de cable formada polas empresas Lionsgate e MGM. Ainda que o obxectivo é crear unha série para a pequena pantalla, podería facerse asemade unha longametraxe para estrear nos cinemas.

Theron é un rostro familiar para os fans da ciéncia-ficción polo seu papel no filme de 2005 Æon Flux, e neste proxecto interpretaría á executiva dunha empresa de camiños de ferro, Dagny Taggart, que vive nun mundo onde os intelectuais e mais os innovadores da sociedade americana se poñen en folga contra o governo, agochándo-se nun lugar onde non poden ser atopados grazas á tecnoloxía.

A novela é un manifesto da filosofía obxectivista de Rand que promove, entre outras cousas, o própio interese racional. As vendas deste libro, que moitos consideran absurdamente que non é ciéncia-ficción senón filosofía política, incrementáron-se moito nestes tempos de crise, en especial a partir de setembro de 2008.

Os intentos de levar ao cinema A Rebelión de Atlas comezaron en 1972, cando o produtor de O Padriño e de Million Dollar Baby, Albert S. Ruddy, tentou facer un filme que ían protagonizar Clint Eastwood e Faye Dunaway.

Randall Wallace, o guionista de Braveheart, e mais James Hart, o de Dracula de Bram Stoker, estiveron mais dunha vez vencellados a este proxecto entregando esbozos do que podería chegar a ser o libreto definitivo.