Gungrave e Lone Wolf no cinema

0
159

GungraveA Convergence Entertainment ven de pechar un acordo polo que desenvolverá dous estilos moi diferentes de arte fantástico sobre papel para converte-los en cinema con persoaxes reais: o manga Gungrave, creado por Yasuhiro Nightow e mais a série de libro-xogos Lone Wolf, do escritor inglés Joe Dever.

Gungrave de Yasuhiro Nightow vai sobre Brandon “Beyond the Grave” Heat, un membro dun sindicato do crime que se ergue da súa tumba para procurar vinganza contra Millenion, un criminal adestrado polo antigo millor amigo de Heat que utiliza a monstros non-mortos como escravos para cometer as súas trasnadas. Gungrave comezou como un videxogo de acción dos clásicos de disparar e matar e foi creado pola Red Entertainment para a PlayStation 2, e logo converteu-se nun manga que publica a editorial Dark Horse nos Estados Unidos e nunha série de anime.

A série de libro-xogos de Lone Wolf comezou a se publicar en 1984 e ten lugar nun mundo medieval alternativo chamado Magnamund. O argumento xira ao redor do derradeiro membro dunha caste secreta de guerreiros que está á procura de vinganza contra as forzas maléficas que destruiron a súa orde. A série está composta por un total de 28 libros até o momento.

Ambos filmes contarán con orzamentos que estarán entre os 30 e mais os 35 millóns de dólares (21 a 24 millóns de euros).