Prémios Hugo 2009

0
347

The Graveyard BookOnte domingo ás 20:00 en Montréal (Canadá) celebrou-se a cerimónia de entrega dos Prémios Hugo, xunto cos Nebula os máis salientábeis da iteratura de ciéncia-ficcióne fantasía. Os galardóns, que levan o nome do escritor clásico Hugo Gernsback, son entregados pola Sociedade Mundial de Ciéncia-Ficción. Nesta edición o Twitter forneceu de cobertura en tempo real.

O grande vencedor da noite foi Neil Gaiman, con The Graveyard Book, que antes do Hugo tamén levara a Newbery Medal (para libros infantís) e mais o Audiobook of the Year. O libro, que vai sobre un neno perseguido por un asasino e que medra nun cemitério lonxe da sua familia, será adaptado ao cine por Neil Jordan, director de Entrevista co vampiro.

Na categoría de novela curta, o gañador foi The Erdmann Nexus, de Nancy Kress e Elizabeth Bear levou-se o prémio ao millor conto longo por Shoggoth’s in Bloom, un relato lovecraftián. O outro gañador dos relatos, nesta ocasión ao millor conto curto, foi Ted Chiang por Exhalación.

O prémio ao millor libro de non-ficción foi para Your Hate Mail will be Graded, de John Scalzi, un libro no que se recollen algúns dos millores posts do seu blog Whatever. A nova categoría de millor novela gráfica ou cómic foi para o webcómic Girl Genius, creado por Phil e Khaja Foglio.

O prémio de millor representación dramática está dividido en formato longo (longametraxe) e formato curto (curtametraxe ou série de TV). O primeiro foi para Wall-E, mentres que o segundo levouno Dr. Horrible’s Sing Along Blog, a minisérie de Joss Whedon realizada durante a folga de guionistas de Hollywood do ano pasado e que se converteu no grande e inesperado éxito na Rede do verán do 2008.

No apartado de publicacións, o prémio ao millor editor profesional de ciéncia-ficción foi para Ellen Datlow e David G. Hartwell, en formatos curto e longo respectivamente, mentres que o millor artista profesional foi Donato Giancola.

O prémio ao millor fanzine de ciéncia-ficción foi para Electric Velocipede, mentres que o millor fanzine semiprofesional foi Weird Tales, a mítica revista que escomezou nos anos 20 e na que publicou H.P. Lovecraft.

Entre os afeccionados, o prémio do millor artista foi para Frank Wu, mentras que o millor escritor foi Cheryl Morgan.

Finalmente, durante a cerimónia entregou-se tamén o prémio John W. Campbell (que non é un Hugo) ao millor escritor novo, e que este ano resultou ser David Anthony Durham por Acacia.