Actores para o Amencer Vermello

833

Isabel LucasConnor Cruise (Seven Pounds), Edwin Hodge (Mental), Josh Hutcherson (Viaxe ao centro da Terra) e Isabel Lucas (Transformers: Revenge of the Fallen) veñen de se unir ao reparto que dará vida aos protagonistas do vindeiro filme da MGM, nada menos que o remake do clásico Red Dawn (Amencer Vermello).

O filme orixinal é do ano 1984 e foi dirixido por John Milius. Esta longametraxe de acción e aventuras estaba ambientada no escenário da Guerra Fría, xusto despois de que un exército formado por soldados soviéticos e cubanos invadise por sorpresa os Estados unidos, capturando o país e impoñendo un governo títere. Pero un feixe de estudantes dun instituto de Colorado deciden formar un exército guerrilleiro e escomezar a loita contra os invasores. Iconas dos anos 80 coma Patrick Swayze, Charlie Sheen, Jennifer Grey, Lea Thompson ou C. Thomas Howell interpretaron daquela aos protagonistas.

Na nova versión, Hutcherson interpretará ao especialista en comunicacións, un “geek” chamado Robert, Cruise será o seu millor amigo e o fillo do alcalde, Hodge é o máis popular do instituto, un xogador de fútbol guapeiras, mentres que Lucas será a xefa das animadoras, que é condeada a un campo de internamento. O cuarteto úne-se a Chris Hemsworth, Josh Peck e Adrianne Palicki, que xa formaban parte do elenco protagonista.

Curiosamente, tanto Hemsworth coma Lucas escomezaron as súas carreiras como actores en 2004 nunha série australiana chamada Home and Away e namoraron-se na vida real entre 2005 e 2006. Os seus seguintes papeis nos Estados Unidos foron el como pai do capitán Captain Kirk en Star Trek, e ela coma a sedutora robot loira que tenta ligar-se a Shia LaBeouf en Transformers: Revenge of the Fallen.

Dan Bradley dirixirá este remake, que ten data de estrea xa fixada para o 24 de setembro de 2010.