Unha nota de interese para os nosos leitores en Suíza, que sabemos que hai moitos, é que do 18 de outubro ao 6 de abril de 2008 a Fondation de la Maison d’Ailleurs en Yverdon-Les-Bains celebrará unha exposición titulada An Exhibition of Unspeakable Things – Works inspired by H. P. Lovecraft’s Commonplace Book e adicada ao clásico escritor de terror H.P. Lovecrft, en lembranza do 70 cabodano do seu pasamento.
Nesta exposición, un cento de artistas (H.R. Giger, Paul Carrick, Jeff Remmer, Guy Davis…) amosarán o seu punto de vista sobre “as profundidades abisais evocadas polos relatos do mestre de Providence para explorar todo aquilo que debería ficar innomeado“, segundo define o mesmo museu.
O escritor americano Howard Phillips Lovecraft (1890-1937) é sen dúbida ún dos máis importantes autores de ciéncia-ficción do século XX. Coma creador dunha brillante e terrorífica cosmogonía, o termo “escritor de culto” semella que fora acruñado expresamente para el.
Lovecraft’s Commonplace Book é unha escolma de ideais, onde o leitor atopará abominacións sen nome, cidades submariñas xigantes, antigos artefactos que esperan memórias esquecidas, soños que palidecen perante a realidade, novas dimensións que aparecen nos recunchos da vista e criaturas doutro tempo agochas baixo formas humanas. Estes e outros conceptos fragmentários son listados nunha libreta de apuntes que Lovecraft utilizaba para desenvolver en futuros contos ou novelas.
Escritas entre 1919 e 1934, estas 222 notas breves están baseadas en soños, leicturas ou acontecementos casuais. Tal e coma Lovecraft escribe ao comezo da libreta, moi poucas desas ideias “son realmente argumentos desenvolvidos… son meras suxestións deseñadas para facer traballar a memória ou a imaxinación“.