Superman pode deixar de ser kryptonián

0
282
Superman
Superman

Seguirá sendo Superman o derradeiro supervivinte do planeta Krypton? A longa guerra legal polos dereitos do Home de Aceiro conta xa cun novo episódio que pode afectar sériamente á lenda que envolve á mais famosa ícona do cómic americano. Os herdeiros de Jerry Siegel – cocreador xunto a Joe Shuster do personaxe – apontan-se a vitória nunha batalla que pode ter resultados pouco agradábeis para o xigantesco conglomerado de Time Warner, a actual proprietária da DC Comics, a editorial que publica o personaxe desde 1938.

Segundo a última sentenza, o xuiz considera que os dados provistos polo especialista Denis Kitchen nun blogue da páxina Web Newsarama son decisivos para demostrar que moitas das ideias publicadas nalgúns dos cómics do personaxe foran deseñadas polo guionista moito antes de que a editorial encarregase aos xoves autores a creación do personaxe. Segundo as leis americanas de copyright, se a creación se realizou por encargo, legalmente os dereitos pertencen á editorial, polo que é necesário demostrar que existen evidéncias dunha creación anterior á relazón laboral.

Kitchen aportou probas atopadas pola família Siegel dun antigo proxecto do guionista co debuxante Russell Keaton que non chegou a ver a luz nos xornais. Nel apresentaba-se a história dun bebé de extraordinários poderes que chegaba do futuro nunha máquina do tempo, enviado polo derradeiro home sobre a Terra ao ano 1935 para ser descuberto polos Kent. A parella adoptaria-o despois co nome de Clark Kent.

As semellanzas son evidentes e a decisión xudicial é clara: os herdeiros dos Siegel deben recuperar os dereitos de autor do cuarto número da revista Action Comics, algunhas páxinas do primeiro número da colección Superman e as duas primeiras semanas das tiras diárias que se publicaron nos xornais dos Estados Unidos. Precisamente aquelas poucas tiras diárias onde Siegel e Shuster desenvolveron a orixe do Home de Aceiro, creando a sua orixe no planeta Krypton: perante a iminente destrución do planeta, o científico Jor-El introduce a un recén nado Kal-El nunha nave espacial que lle levará á Terra, onde será atopado polos Kent. Unha história que xa forma parte da cultura popular e que agora só poderá ser utilizada co consentemento dos herdeiros do autor. Xa sexa en filmes, séries de televisión ou, por suposto, en cómics, as novas aventuras de Superman non poderán facer referéncias ás suas orixes kryptonianas sen acordo prévio.

Un espantoso novo capítulo na longa guerra que se iniciou entre os autores e a editorial hai décadas, pero non inesperado: ainda que o xigantesco empório mediático da Time Warner loita con uñas e dentes polos pingües benefícios que lle proporciona Superman, pouco a pouco vai perdendo ao seu famoso persoaxe. Pese a que a morte de Joe Shuster sen descendéncia lle proporcionase o 50% dos direitos do Home de Aceiro, as leis americanas en dereitos de autor fixan o ano 2013 como limite para ese control. A partir dese momento, o personaxe reverterá totalmente aos herdeiros dos seus creadores (neste caso, de Jerry Siegel) até o ano 2033, no que Superman pasará definitivamente ao domínio público.