Xa é oficial: Guillermo del Toro dirixirá as dúas películas baseadas en O Hobbit, o clásico de J.R.R. Tolkien, coma precedentes da saga d’O Señor dos Aneis, que dirixiu Peter Jackson (nesta ocasión produtor executivo). O cineasta mexicano, que gañou tres prémios Oscar con O laberinto de Pan, rodará as películas en Nova Celándia.
Os estudos New Line Cinema e Metro-Goldwiyn-Mayer veñen de anunciar que a rodaxe escomezará en 2009 e que a primeira entrega podería estrearse en 2010 e, un ano despois, a segunda parte. Ainda que se estrearán por separado, rodarán-se xuntas, coma xa aconteceu coa triloxía do Señor dos Aneis.
O tamén director de Cronos, O espiñazo do diaño e das dúas partes de Hellboy (a segunda parte estreará.-se en agosto) participará asemade na produción do filme. Durante os vindeiros dous anos deberá residir en Nova Celándia para poder traballar con Jackson na rodaxe do filme. O mesmo del Toro supervisará xunto a Jackson, Fran Walsh e Philippa Boyens a escritura dun guión cuxo punto máis quente será decidir en que parte da historia de O Hobbit meten a tesoura para poder dividir o libro en dúas películas.
Polo de agora non hai data fixada para o comezo da rodaxe nin se sabe moito do reparto, agás que Sir Ian McKellen repetirá coma o meigo Gandalf. Ainda está por decidir se outros actores da triloxía, cuxos persoaxes tamén aparecen en O Hobbit, retoman os seus papeis.
O Hobbit, que Tolkien escribiu para os seus fillos en 1937, desenvólve-se uns 60 anos antes cá triloxía de O Señor dos Aneis e relata a viaxe que emprende unha tropa de ananos, á que acompañan o hobbit Bilbo Bulseiro, tío de Frodo, e máis o meigo Gandalf.
Todos eles viaxan rumo á Montaña Senlleira na procura do tesouro do dragón Smaug nunha aventura que será a orixe da célebre triloxía, xa que é nesta viaxe cando Bilbo consigue roubar-lle o anel único a Gollum.