A Walt Disney Company ven de anunciar un acordo para comprar á Marvel por preto de 4.000 millóns de dólares (uns 2.800 millóns de euros) en accións e cartos en metálico, co que se convirten nos propietários dos dereitos dos persoaxes do cómic mais populares da actualidade: Iron Man, Spiderman, a Patrulla X, o Capitán América e até 5.000 persoaxes mais.
Os accionistas da Marvel recibirán 30 dólares por acción e preto de 0,745 títulos da Walt Disney por cada acción que tiveran da compañía de cómics, asegurou a Disney nun comunicado distribuido o luns. A Disney realiza esta compra despois de que os filmes baseados nos persoaxes da Marvel se converteran en grandes éxitos no despacho de billetes.
Ambas as duas empresas anunciaron que os seus respectivos consellos de administración xa aprobaron a operación, que valora cada título da Marvel en 50 dólares (menos de 35 euros), o que supón unha prima do 29% respecto dos 38,65 dólares aos que pechou o vernes na Bolsa a compañía de cómics. As bolsas por certo recebiron o acordo con reaccións ben diferentes coma erade agardar: as accións da Disney cairon un 1,9% en Wall Street mentres que as da Marvel subían un 26%.
“Coidamos que a suma da Marvel á carteira única de marcas da Disney aportará sinificativas oportunidades de crecemento a longo prazo e de creación de valor“, asegurou hoxe o máximo responsábel executivo da Disney, Robert Iger, ao anunciar a operación.
Pola sua banda, o director executivo da Marvel, Ike Perlmutter, dixo que “a Disney é o fogar perfecto para o arquivo de persoaxes da Marvel, dada a sua probada habilidade para ampliar a creación de contidos e emprendementos“, e engadiu que “esta é unha oportunidade sen precedentes para a Marvel“.