Morreu Hazel Court

881

Hazel CourtO pasado día 14 morreu Hazel Court (1926 – 2008), unha das actrices máis queridas da época clásica do cinema de terror.

Nacida en Sutton Coldfield, Birmingham, Inglaterra, non fixo a súa primeira aparición nun filme de xénero fantástico até 1952, con O Barco Pantasma (Ghost Ship). Tamén apareceu en filmes “camp” coma Devil Girl from Mars e Doctor Blood’s Coffin.

Ainda que desexaba aparecer en comédias, continuou sendo unha das raíñas do cinema de terror. En 1957 participou en The Curse of Frankenstein, onde se gañou o estatus de “serea de culto”, se cadra por mor da exhibición xenerosa dos seus escotes. Viaxando entre Inglaterra e Hollywood, apareceu en catro episódios da série de TV de Alfred Hitchcock e tivo aparicións en A Woman of Mystery (1958) e The Man Who Could Cheat Death (1959).

A princípios dos anos 60 mudou-se definitivamente aos Estados Unidos, onde protagonizou filmes de terror baseados en obras de Edgar Allan Poe dirixidas por Roger Corman coma The Premature Burial (1962), The Raven (1963) e The Masque of the Red Death (1964), xunto con Vincent Price.

Retirada do cinema para se adicar ao seu fogar (casara en 1964 co actor Don Taylor) non volveu aparecer nas pantallas até unha breve intervención na terceira parte de A Profecía (1981).

Court morreu por mor dun ataque ao corazón na súa casa preto do lago Tahoe, en Califórnia o pasado día 15 de abril aos 82 anos.