Via libre para O Hobbit

0
164

O HobbitUnha demanda apresentada polos herdeiros de J.R.R. Tolkien contra a produtora New Line, en relación á participación nos benefícios brutos dos herdeiros do autor inglés sobre a triloxia de O Señor dos Anéis, ven de se resolver extraxudicialmente.

Estaba previsto que o caso se dirimira nun xuízo que teria lugar o 19 de outubro no Tribunal Superior de Los Angeles. Os termos do acordo, que tamén afecta á editorial HarperCollins como parte demandante, son confidenciais, pero o herdeiros de Tolkien deron a coñecer que esta decisión dá via libre á rodaxe dos dous filmes de O Hobbit, financiadas por New Line.

A produción de ambos filmes escomezará asemade a comezos de 2010 baixo a dirección do mexicano Guillermo del Toro.

Os herdeiros de Tolkien e mais a editorial HarperCollins apresentaron a demanda en febreiro de 2008 e alegaron que a New Line non pagara alomenos 220 millóns de dolares aos membros do fondo.

Os demandantes afirmaban que baixo un contrato asinado en 1969, tiñan direito a un 7,5 por cento dos benefícios brutos que xerasen os filmes baseados nas novelas de Tolkien e outros produtos relacionados, unha cifra total á que debian restar certos custes.

A franquía de O Señor dos Anéis xerou mais de 3.000 millóns de dólares no despacho de billetes entre 2001 e 2003. Na demanda esixia-se unha declaración xudicial pola que os demandantes podían acabar con calquera dos dereitos da New Line sobre os traballos de Tolkien, incluído O Hobbit, que está a ser producida por Peter Jackson, director da saga orixinal, e mais a sua esposa, Fran Walsh. Espera-se que ambos filmes cheguen ás salas a finais de 2011 e 2012.

Estamos satisfeitos de pór fin a este litíxio“, dixo Alan Horn, presidente da Warner Bros., que engloba á New Line. “Esperamos ter unha relación produtiva e beneficiosa para todos no futuro“, engadiu.

A Warner Bros. posue os dereitos para a distribución de O Hobbit nos Estados Unidos, en tanto cá Metro-Goldwyn-Mayer fará o próprio no estranxeiro.

Segundo Bonnie Eskenazi, avogada en representación dos herdeiros de Tolkien, as conversas que remataron neste acordo escomezaron meses atrás e os demandantes atopan-se “completamente satisfeitos” coa resolución. “Isto facilitará que o fondo poda emprestar a sua axuda a mais de 100 organizacións benéficas“, afirmou Eskenazi.