A Warner Bros. ven de anunciar oficialmente a reestruturación da DC Comics dentro dunha nova compañía, a DC Entertainment Inc., cuxa misión será “relizar totalmente o poder e mais o valor da marca DC Comics e mais os seus persoaxes a través de todos os médios e plataformas“, segundo unha nota de prensa.
A presidenta da Warner Premiere, Diane Nelson, quen supervisou e continuará a supervisar a franquía de Harry Potter, que pertence aos mesmos estudos, será a nova responsábel da DC Entertainment baixo o mando directo do presidente da Warner, Jeff Robinov.
Esta reestruturación levaba un tempo xestándo-se pero agora se lle deu algo de présa como xeito de potenciar as franquías da compañía após da recente compra da Marvel pola Disney e porque os persoaxes franquía dos seus rivais (X-Men, Spiderman, Iron Man e Hulk) están a obter moitos mais benefícios no despacho de billetes.
En comparación coa Marvel, a Warners/DC só obtivo un éxito salientábel nos últimos anos, a dúas películas de Christopher Nolan da saga de Batman. Dende 1998 só outros tres persoaxes da DC chegaron a aparecer nas pantallas de cinema, con diferentes éxitos: a risíbel Catwoman de 2004, a cara e non moi ben criticada Superman Returns en 2006, e a adaptación de Watchmen, que contou con boas críticas pero malos resultados no despacho de billetes. Entre os proxectos que agardan na recámara para os seguintes anos a DC ten os de Wonder Woman, A Liga da Xustiza e Flash.
Hai uns poucos días xurdiu o rumor, non confirmado oficialmente, de que a Warner quería volver a contar con produtores sobranceiros de Hollywood coma Chuck Roven, Joel Silver e Akiva Goldman para lle dar mais pulo aos seus novos títulos. Este movemento permitirá ao estudo controlar moito mellor ás súas propriedades e tirar mais benefícios dos persoaxes.
A compañía xa rematou a rodaxe da adaptación ao cinema doutro persoaxe menor, Jonah Hex, que non entrará nesta operación, pero a reestruturación podería afectar á rodaxe de Lanterna Verde, unha das mais importantes que se agardan, ainda que estea paralizada arestora en Austrália, e á recentemente anunciada Lobo, que dirixirá Guy Ritchie.