Dentro do capítulo de exposicións temporais do MARCO (Museo de Arte Contemporánea de Vigo) a partir do 2 de outubro e até o 17 de xaneiro, nas salas da primeira planta, terá lugar a mostra colectiva Mirrors/Espellos, comisariada polo italiano Gyonata Bonvicini (Codogno, Milan, Italia, 1972), que reúne obras experimentais de 11 artistas en torno a ideas como a repetición, o reflexo das imaxes e a reapropiación. A posta en marcha desta exposición, que corresponde ao proxecto seleccionado na 2ª convocatoria do Prémio para Novos Comisários, ten lugar cando aínda permanece aberta a nova convocatória deste prémio, que nesta edición está convocado conxuntamente polo MARCO e mais o FRAC Lorraine, Franza.
Os espellos, como os labirintos, son vistos a miúdo como símbolos do infinito, da personificación, da ilusión. A través do espello, quen mira só obtén o reflexo doutro espazo e tempo, e non do seu espazo ‘presente’. Partindo da capacidade dos espellos para descompoñer o tempo e o espazo, este proxecto expositivo presenta obras en diversos soportes que tratan temas como a repetición, o reflexo, e a reapropiación da cultura. Tendo en conta as peculiaridades do espazo expositivo e os modos en que se define a nosa realidade física, a exposición reúne traballos radicais e experimentais de 11 artistas que teñen en común a súa actitude ante as imaxes: así como o espello fai uso das propiedades e da forma dunha superficie, o seu contido é, sempre e inevitablemente, cambiante.
Entre os artistas cuxas obras están expostas atoparemos a Micol Assaël, Maya Deren, Hreinn Fridfinnsson, Giuseppe Gabellone, Ryan Gander, Isa Genzken, Dan Graham, Kitty Kraus, Susan Philipsz, Falke Pisano e Oscar Tuazon.
A finais de outubro comezará no MARCO a tempada de concertos e festivais, dende as colaboracións co Festival Sinsal até un concerto monográfico con obras de Karlheinz Stockhausen, incluído na programación do Festival Are More, pasando pola nova creatividade dixital a través do Festival ArtFutura, que neste ano 2009 ofrece unha programación especial con motivo da súa vixésima edición.