Con contapingas chegan as novas sobre un dos proxectos mais esperados da Microsoft que ten dous nomes próprios: Halo e Peter Jackson. O director de O Señor dos Aneis agora está na nómina de Microsoft para dar forma, entre outras cousas, ao novo xogo da millonária franquía, que o pasado setembro viu aparecer a sua terceira entrega en Xbox 360. Jackson anunciou el mesmo na feira X06 de Barcelona o lanzamento dun novo Halo baixo a sua batuta e, tras moito tempo de silenzo, semella que todo segue o seu curso.
A compaña publicou na sua páxina Web unha solicitude de emprego para “axudar no desenvolvemento dun novo videoxogo baseado no universo Halo” en tarefas de programación. O novo título está a ser coordinado por Jackson e creado por Microsoft Game Studios, no canto de Bungie, o seu estudo orixinal. Neste sentido, un voceiro da compaña de Bill Gates asegurou nun blog da MTV que “Bungie continuará implicada en múltiples xeitos do universo Halo con Microsoft Game Studios“.
Asimesmo, a compañía de Redmond quixo remarcar que desde que foi anunciado o xogo hai mais dun ano, “Microsoft Game Studios traballou duro, colaborando con Peter Jackson e Bungie no desenvolvemento deste proxecto, que poderia chamar-se Halo: Chronicles“. Ainda que á penas existen dados sobre o videoxogo, o que semella claro é que está mais vivo ca nunca e sobre el pesa a grande incógnita: terá a mesma arte Jackson cos videoxogos que co cinema?
Mentres, cada vez mais videoxogos sérven-se de licenzas coñecidas para chegar a un público mais amplo. Tamén é un recurso habitual que actores ou famosos interpreten un papel pensado para eles. Neste terreno, ás recentes intervencións de Kirsten Bell (Assassin’s creed) e Karl Lagerfeld (Grand Theft Auto IV), unirá-se Vin Diesel no papel protagonista dun videoxogo de coches e acción para Xbox 360, Playstation 3 e PC.