O símbolo perdido de Dan Brown, o martes

1056

The Lost SymbolO novo libro de Dan Brown, ún dos mais agardados dos últimos anos, fica ainda nos almacéns das principais librarías on-line que se comprometeron a garda-lo baixo dous ferrollos, cuxas chaves deben ficar en poder de dúas persoas distintas. O lanzamento mundial de The Lost Symbol (O símbolo perdido) o vindeiro martes é polo de agora o acontecemento mais salientábel para os vendedores de libros dende o último día de Harry Potter.

A editorial, a Random House, vai lanzar a primeira tirada mais grande da súa história, con 6,5 millóns de exemplares, entre os que non se inclúen os exemplares en audio-libro, as descargas por Internet nin os e-books, coma é lóxico. O libro xa é o número ún en vendas na famosa libraría Amazon, e iso que son só pre-vendas, pero se agarda que axude a vender de novo as anteriores obras de Brown, que aparecerán con novas capas.

The Lost Symbol estará protagonizado unha vez mais polo doutor Robert Langdon, o simbiólogo de Harvard e heroe de O Código Da Vinci.

Brown dixo que leva traballando no seu libro os últimos cinco anos, un tempo no que tivo que ir aos tribunais en Inglaterra e nos Estados Unidos para defender-se das acusacións de pláxio pola súa novela O Código Da Vinci, gañando ambos os dous preitos.

Mália as pésimas críticas dos especialistas literários e dos boicots organizados na súa contra polos ofendidos católicos, a súa anterior obra converteu-se nun fenómeno mundial e xerou 81 millóns de cópias vendidas. O filme baseado na novela novamente recibiu as mesmas críticas literárias e relixiosas, pero ainda así (ou se cadra, debido a iso) levou 520 millóns de euros en benefícios no despacho de billetes.

Durante meses Brown deixou cair pistas sobre o seu novo libro, incluindo unha fotografía do monastério do monte Athos en Grécia, un bar de música chamado allegretto, e o selo presidencial dos Estados Unidos. Cada mensaxe enigmático de Brown é reenviad ode contado polos seus seguidores. Polo de agora, a última pista é un triángulo feito de liñas rachadas e coa mensaxe en latín “totum maior summa partum” (o total é maior cá suma das partes).