O maior e probábelmente millor anúncio realizado na recente exposición D23 da Disney Pictures deste ano foi un simples título: o venres a compañía fixo saber que a cuarta entrega da saga de Piratas do Caribe levará por título Pirates of the Caribbean: On Stranger Tides e que xa conta oficialmente coa data de verán de 2011 para a súa estrea mundial.
Non lle levou moito tempo á prensa relembrar unha novela do escritor fantástico Tim Powers titulada precisamente On Stranger Tides e que casualmente vai sobre un pirata chamado Jack Shandy que se ve inmerso nunha carreira contra o lendário pirata Barba Negra e mais a súa tripulación de vivos e mortos para chegaren os primeiros á Fonte da Xoventude.
A Fonte da Xoventude é precisamente a pista final da derradeira escena de Piratas do Caribe 3: Na Fin do Mundo, o que fai que a conexión entre este libro e mais a cuarta parte da saga cinematográfica sexa bastante óbvia.
A novela de Powers inclúe elementos coma loitas con espadas, batallas mariñas, e mais un amor en prisión e mesmo convertido en monicreque.
A fita está definitivamente aprobada e conta con Johnny Depp novamente como protagonista no papel do capitán Jack Sparrow. Para rebaixar un pouco o orzamento, nin Orlando Bloom nin Kiera Knightley regresarán á história, de non ser que conten con algún cameo. Tamén é de agardar que regrese Geoffrey Rush coma o capitán Barbossa, se ben isto ainda non está confirmado.