O actor Patrick Swayze faleceu onte en Los Angeles aos 57 anos vítima dun cancro de páncreas que padecía dende comezos de 2008. Famoso por unha boa morea de filmes nos anos 80 e 90, ficará sempre na memória dos afeccionados ao xénero polo seu papel de protagonista no filme de pantasmas Ghost.
Fillo do delineante Jesse Swayze e da coreógrafa Patsy Swayze, de quen herdou o seu amor pola interpretación, Patrick ia en princípio para atleta pero unha lesión de xeonllo obrigou-lle a mudar de soño. Ingresou na escola de baile Harkness de New York e posteriormente na académia Joffrey da mesma cidade, onde se converteu no primeiro bailarín da compaña Elliot Feld. Antes de pasar ao cine traballara en musicais coma Grease.
Nado o 18 de agosto de 1952 en Houston, Texas (EEUU), debutou no cinema nos ano 70 co filme Skatetown, U.S.A. (1979), se ben os seus primeiros pasos no xénero foron con Amencer Vermello (1984) Amazing Stories (1986) e Steel Dawn (1987). Pero o seu salto definitivo á fama chegou co filme Ghost (1990) xunto á actriz Demi Moore, que lle valeu unha nominación aos Globos de Ouro.
Mália o seu grande éxito, a súa fama foi-se apagando pouco a pouco, o mesmo cá súa saúde, e só regresou ao cinema de xénero en 2001 co filme de culto Donnie Darko e logo en 2004 con As Minas do Rei Salomón.
Sobrevive-lle a sua viúva, a tamén actriz Lisa Niemi, con quen casou o 12 de xuño de 1975 e coa que actuou en vários filmes, coma Steel Dawn. O matrimónio non tivo fillos. Swayze convertera-se ao budismo ao igual ca outras estrelas de cinema e vivia nun rancho ás afóras de Los Angeles rodeado de animais, onde tiña un ximnásio e mais un estudo de gravación onde compuña canzóns de seu.