Diane Nelson, responsábel da nova división da Warners DC Entertainment, deu unha resposta directa a unha pregunta realizada no decurso dunha entrevista na tele onte, ao respeito de se haberá ou non novos filmes da saga de Superman ou se hai algo previsto no futuro próximo.
“En realidade non temos ningún plan actualmente para Superman. Obviamente xa fixemos unha manchea de grandes cousas para a propiedade na nosa história, e [Superman] é unha parte esencial da nosa família, pero non temos actualmente plan para Superman“, dixo Nelson.
Esta declaración chega pouco despois de que unha sentencia xudicial disparara os rumores de que os estudos estarían desexando facer unha nova entrega de Superman antes de que os dereitos cinematográficos sobre os persoaxe regresasen aos herdeiros do seu creador en 2013. Agora con todos os dereitos no aire e no médio de liortas xudiciais para os vindeiros anos, semella que o Home de Aceiro non regresará á pantalla grande até dentro de moito tempo.
Mentres tanto, a única encarnación do persoaxe nas pantallas, a série de televisión Smallville, arrincará a súa derradeira tempada o vindeiro venres nos Estados Unidos.