Os herdeiros de Jack Kirby, o lendário co-creador de case todos os persoaxes da Marvel Comics, coma o Capitán América, Os Catro Fantásticos, a Patrulla X, os Vingadores, Iron Man, Hulk, Silver Surfer e Thor, anunciaron que teñen intención de demandar á Marvel e mais á Disney coa intención de que se declare que os dereitos de autor sobre os persoaxes lles deben ser reintegrados a eles. A demanda incluirá ás produtoras que fixeron filmes e séries de televisión cos seus persoaxes, coma a Sony, a Universal, a 20th Century Fox ou a Paramount Pictures.
Coma no caso de Jerry Siegel, cuxos herdeiros veñen de gañar un preito polo que se lles recoñece a propriedade sobre o persoaxe de Superman, os herdeiros de Kirby desexan que os dereitos de autor sobre os persoaxes e polo tanto os benefícios xerados con eles regresen ás súas mans. Para elo, os herdeiros servirán-se dos mesmos avogados que xa obtiveron esta vitória no caso de Siegel. O despacho de Toberoff & Associates está especializado nestes casos e a súa sona nestes intres é inmensa após de gañar o caso contra a DC e mais a Warner.
As alegacións, se son xustificadas, permitirían que os dereitos regresasen aos herdeiros a partir de 2014. Mentres tanto, a Marvel e mais a Disney continuarían explotando eses dereitos nos cómics e nos filmes. A posibilidade que se abre é que os herdeiros de entren en negociacións coa Marvel e cheguen a un acordo que lles permita seguir publicando os cómics baseados no seu traballo.
Mentres viviu, Kirby loitou coa Marvel durante anos para que lle fose recoñecido o dereito á propiedade sobre alomenos o traballo físico que realizou (os debuxos en si mesmos), e se lle pediu que asinase documentos polos que renunciaba específica e irrevocábelmente aos dereitos de autor sobre os persoaxes, algo que sempre se negou a facer. Ademais, contribuiu á loita doutros creadores dentro da Marvel, coma Steve Gerber, co-creando Destroyer Duck xunto a Gerber nun libro adicado ao Pato Howard que ía no benefício destes artistas.
Nacido co nome de Jacob Kurtzberg, Jack Kirby está considerado coma o debuxante de superheroes mais salientábel do mundo, se ben traballou noutros xéneros de cómic, coma o romance, os cómics de guerra e os de ciéncia-ficción. O seu traballo dentro da DC tamén proporcionou moito para poder facer o recente éxito de vendas da série Final Crisis da DC. Actualmente, a editorial Dynamite, de acordo cos herdeiros de Kirby, está a traballar nunha nova liña de persoaxes deste autor, o “Kirbyverso”, publicando persoaxes que nunca apareceron nin na Marvel nin na DC.
Jack Kirby finou en 1994, deixando catro fillos, Susan, Neal, Barbara e Lisa, e dous netos, Jeremy e Tracy.