A MGM ven de se asegurar o apoio de salientábeis prestamistas para permitir dispoñer de cartos abondo como para seguir adiante coa produción de O Hobbit.
A recente proposta do novo presidente da Metro, Steve Cooper, de adiar o pagamento dos xuros da débeda para os vindeiros tres meses obtivo a aprobación do principal acreedor, a banca J.P. Morgan.
A banca de investimento é a principal acreedora dentro dun comité de prestamistas que leva uns meses axitando as augas xa turbulentas dentro da produtora do león e que estiveron por facer caer toda a súa estrutura de propietários hai tan só uns días. En troques deste acordo de adiamento do pago dos xuros, a J.P. Morgan asegurou-se uns cantos cámbios dentro das débedas existentes e que lóxicamente suporán mais perdas para a MGM.
O desacougo pola produción d’O Hobbit era a principal causa que esgrimiu a Metro nestas conversas, dado que xunto á New Line está asociada ao 50% para producir dous filmes sobre a obra de Tolkien nestes intres. O primeiro dos dous filmes ten prevista a estrea en 2011, con Guillermo del Toro a bordo da dirección desta primeira película e mais da súa secuela. Peter Jackson, Fran Walsh, Philippa Boyens e del Toro están a escribir os guións de ambas as dúas películas e agárda-se que os libretos estean entregado contra o fin de novembro.
Segundo deu a coñecer a Metro, o movemento polo que adía o pago dos xuros até o 15 de decembro non ven obrigado por un medo inmediato á insolvéncia, xa que unha recente auditoría determinou que existen cartos abondo como para sobrevivir alomenos outro ano. Así, o procedemento financieiro levou-se a cabo para poder manter os dereitos sobre propiedades salientábeis, coma O Hobbit, a Panteira Rosa ou o axente 007, todos os cales fan que a MGM poida manter un valor de mercado importante.
A Metro espera obter uns benefícios de alomenos 40 millóns de dólares polo Hobbit, se ben os xuros aprazados sumarían mais de 50 millóns. As fontes internas das negociacións aseguran que será posíbel daquela converter as débedasen metálico por participacións nos benefícios, xa que a banca Morgan non ten interese en se converter en accionista da Metro.