Berg, fóra de Dune

0
203

DunePeter Berg (Hancock) xa non será o director da nova adaptación da novela clásica de ciéncia-ficción de Frank Herbert Dune que está a producir a Paramount Pictures.

O filme, baseado na novela e que leva en desenvolvemento xa vários anos, está adaptado a partir dun guión épico de 175 páxinas escrito por Josh Zetumer e Berg levaba tempo vencellado ao proxecto como director, concretamente dende este verán, e mesmo ofreceu algunhas entrevistas e deu detalles sobre a produción o mes pasado.

Nombergantes, todo semella indicar que el e mais a súa empresa, a produtora Film 44, que estivo a presentar moitos proxectos nos últimos meses, xa non forman parte desta produción, que pretende adaptar a millor novela de ciéncia-ficción de todos os tempos unha vez mais á pantalla grande. Quen si que continúa polo de agora a bordo é Kevin Misher (Public Enemies) como produtor.

Tanto Neill Blompkamp (District 9) coma Neil Marshall (The Descent, Doomsday) apareceron mencionados várias veces como posíbeis sustitutos de Berg, se ben os estudos non queren achegar-se a eles para lles facer ofertas dun xeito demasiado aberto, para que non se dispare o orzamento, que segundo as últimas previsións andaba ao redor dos 175 millóns de dólares (118 millóns de euros).

As adaptacións anteriores da novela foron a clásica de David Lynch de 1984, que tivo un grande orzamento pero non moi bós resultados no despacho de billetes, e a minisérie de 2000 da canle Sci-Fi Channel, aclamada polo público e a crítica.