A empresa inglesa independente Celador Films asociou-se coa francoinglesa Pathe para producir a secuela do éxito de baixo custe de ciéncia-ficción de Neil Marshall The Descent.
O filme orixinal acadou 57 millóns de dólares (37 millóns de euros) nos despachos de billetes, o que non está nada mal tendo en conta que a produción custou menos de 10 millóns. Producido por Marshall e Christian Colson, Descent 2 marcará o debut na dirección para o que no anterior filme foi tan só o editor, Jon Harris.
Baseada nun guión de James Watkins (My Little Eye), a secuela, que tamén contará cun orzamento de 10 millóns de dólares (6,5 millóns de euros) rodará-se ao longo de oito semanas en diferentes localizacións de Escócia e nos Estudos Ealing de Londres.
Os protagonistas do filme orixinal, Shauna MacDonald e Natalie Mendoza, repetirán os seus papeis, xunto a Gavan O’Herlihy, Joshua Dallas, Anna Skellern, Douglas Hodge e Krysten Cummings.
O argumento xirará ao redor da supervivinte, obrigada a regresar ao sistema de covas onde tivo que loitar no primeiro filme mentres tenta localizar ao resto dos seus compañeiros, que foron atacados por mutantes cegos que se refúxian no interior das covas.