ArtFutura: da realidade virtual ás redes sociais

0
169

ArtFuturaO 29 de outubro comezou no MARCO de Vigo o programa audiovisual de ArtFutura, que neste ano 2009 celebra a súa vixésima edición. Vinte anos de existéncia, nos que a evolución de ArtFutura discorreu en paralelo á evolución da cultura dixital e á implantación das novas tecnoloxías en todos os ámbitos. Dende o soño da Realidade Virtual á explosión de Internet e a presente era das Redes Sociais, o festival foi un espazo de especulación constante sobre o papel da tecnoloxía na sociedade, a cultura e a arte. Dende que, en xaneiro de 1990, ArtFutura presentase a Realidade Virtual por primeira vez en España, o festival foi reinventándose constantemente e introducindo temas como a Realidade Aumentada, as Comunidades Virtuais, Internet como Cyborg, a Arte Colectiva, a Vida Artificial ou a Estética de Datos.

Este especial aniversario ten o seu reflexo nun programa audiovisual moi atractivo, que explora os novos tipos de creatividade relacionados coas redes sociais como Facebook e YouTube. Un exemplo é o grupo Improv Everywhere, que conta con máis de 72.000 amigos en Facebook; os seus vídeos foron vistos en YouTube máis de 70 millóns de veces.

Agora, en colaboración con ArtFutura 2009, Improv Everywhere presenta unha “misión” por primeira vez en España, o EXPERIMENTO MP3, que terá lugar o 29 de outubro en catro cidades simultaneamente: Vigo, Madrid, Barcelona e Múrcia.

Entre os programas deste ano salientamos o novo programa audiovisual que estrea ArtFutura 2009. Animacións dixitais e máis alá: curtas, virais, videoclips e outras pezas que teñen en común a busca de novas estéticas e linguaxes. Dende producións de estudantes ata encargos a coñecidos estudios, a selección de pezas combina na súa factura técnicas manuais e imaxe real con infografía. Con traballos de Evelin Lohbeck, Adam Berg, Michal Socha, Anton Setola, Tim Kail, Brandon Todd e outros.