Autores fantásticos pásan-se á publicación directa

0
213

Rocket Boy and the Geek GirlsEdición tradicional, novos médios, ebooks… o mundo da edición está a pasar por augas revoltas mentres espera non pasar polo mesmo destino cá indústria musical.

Mentres, para os autores de Book View Cafe, a resposta aos problemas é aliar-se e tomar o mando. Este grupo de vinteséis autores galardonados e de éxito en vendas elixiron pasar da edición tradicional e sacar os seus últimos traballos directamente no formato Kindle de Amazon e no eReader de Sony.

Todos eles xa publicados anteriormente de xeito profesional, e moitos na actualidade baixo contrato con selos tradicionais de New York coma Random House, Tor Books e Simon & Schuster, os autores de Book View Cafe axuntáron-se por primeira vez en 2008 para crear bookviewcafe.com, un portal de ficción en liña. Armados cun século de experiéncia en todos os aspectos da edición, os miembros inclúen autores multipremiados na ciéncia-ficción e a fantasía coma Ursula K. Le Guin e Vonda N. McIntyre, bestsellers coma Sarah Smith e Laura Anne Gilman, e novos talentos coma Seanan McGuire.

Os títulos de Book View Press serán creados e editados polos membros da BVC, e postos á disposición a través das tendas do Kindle e do Sony eReader, así coma directamente en bookviewcafe.com. Ningunha casa editorial externa estará involucrada e os beneficios van directamente aos autores.

O primeiro proxecto de Book View Press é unha antoloxía de ciéncia-ficción, Rocket Boy and the Geek Girls, que incluirá obras de Vonda N. McIntyre, Katherine Kerr, Amy Sterling Casil, Irene Radford, Maya Bohnhoff e C.L. Anderson.

O seguinte proxecto será entre fantasía e ciéncia-ficción, unha antoloxía de histórias breves vencelladas titulada The Shadow Conspiracy e que aparecerá o vindeiro 15 de decembro. Estará ambientada nunha era victoriana alternativa chea de aeronaves e autómatas na que un alma humana pode ser roubada e o alma dunha máquina pode nacer.