Non ao filme d'O Principiño

0
183

O PrincipiñoDende a sua publicación en 1943, O Principiño é mais ca un libro, é un fenómeno cultural traducido a mais de 200 idiomas e con 130 millóns de exemplares vendidos no mundo. Os herdeiros de Antoine de Saint-Exupéry, o escritor e piloto francés desaparecido no Mediterráneo o 31 de xullo de 1944, deron o seu visto bó para unha adaptación francesa ao cinema que debía ver a luz en 2016, ainda que hai agora un problema: a Paramount impide-o porque, asegura, posúe os dereitos de reprodución cinematográfica dende 1946, cedidos segundo a produtora americana, pola mesma viúva de Saint-Exupéry.

A información é unha das revelacións que o xornalista francés Jean-Claude Perrier adianta en Os mistérios de Saint-Exupéry, un libro que sairá á venda o vindeiro día 12 en Franza. Pero non é a única, porque o asunto entre os herdeiros e mais a Paramount, que rematará nos tribunais, tamén apunta a falsificacións.

Consuelo, a viúva de Saint-Exupéry, temía ficar sen nada e escribiu cartas asinadas polo escritor (quen non deixou ningún testamento) que a convertían na única herdeira. A nai de Antoine non dixo ren e as dúas mulleres chegaron a un acordo para compartir os dereitos de autor. En Franza, o dereito moral dunha obra pertence aos herdeiros e a família do pai de O Principiño aferra-se agora ao seu dereito moral para rachar o acordo asinado (e selado por un tribunal de New York) por Consuelo coa Paramount.