Profanación de tumbas, caimáns gais, pucherazo electoral, linchamentos… estes son os ingredientes de A crise carnívora, unha comédia gamberra que fantasea sobre o que aconteceria se os animais herdasen a Terra e que, en forma de fábula animal, revisa con acidez os pactos de convivéncia humana.
Pero hai algo mais que distingue ao filme, que se estrea este fin de semana nos cinemas: trata-se da primeira longametraxe realizada en Flash para a pantalla grande. A película xurdiu dunhas tiras cómicas, publicadas fai mais de quince anos, por Pedro Rivero, director da fita. Xunto a Egoitz Moreno escribiron o guión e, a través de Nikodemo Animation – estudos responsábeis da minisérie en Flash Cálico Electrónico, moi popular na Rede – completaron a longametraxe.
O filme foi concebido como animación tradicional, pero os creadores non conseguiron atopar financiación ao ser unha história para adultos, que non encaixaba cos debuxos habituais. E en 2005 puxeron-se en contacto con Nikodemo e decidiron facé-la en Flash.
Diversos personaxes famosos emprestaron a sua voz para os personaxes do filme. Enrique San Francisco, Pablo Carbonell, Pedro Reyes, Alex Angulo ou José Coronado son alguns dos implicados na fita, que tamén conta coa colaboración de Joaquín Reyes, coñecido humorista da Hora Chanante e Muchachada Nui.