O compositor da banda sonora de filmes coma Batman, Spiderman, Men in Black ou Wanted, Danny Elfman, non lle porá a música á vindeira longametraxe de grande orzamento The Wolfman.
O curioso é que Elfman xa rematara a banada sonora enteira para o novo filme de terror que segundo todas as fontes era moi semellante ao traballo de Wojciech Kilar no filme de 1997 Bram Stocker’s Dracula, porén o constante troco de datas que está a padecer The Wolfman fixo que Elfman simplemente non tivera tempo de ficar no proxecto e poder rematar o seu traballo. De feito, o habitual é que unha vez rematada a película o director e mais o compositor procuren xuntos unha música que sexa axeitada a cada unha das escenas, pero neste caso, ao non saber-se cando vai rematar de se editar o filme, a axenda de Elfman non puido aturar mais adiamentos.
No seu lugar, Paul Haslinger (Underworld, Shoot ‘Em Up) será quen se ocupe de lle poñer música a este proxecto, e non cabe dúbida que o fará dándo-lle un toque mais grunge e roqueiro. Haslinger foi membro de Tangerine Dream, o influinte grupo de música electrónica dos anos 80 que lle puxo a banda sonora a non poucas películas da época (Risky Business, The Keep, Near Dark).
Precisamente, Tangerine Dream foron os encargados de compoñer a música a toda présa para o filme fantástico de Ridley Scott Legend, após de que o non menos lendário compositor de Hollywood Jerry Goldsmith fora rexeitado no derradeiro intre en favor da banda electrónica, o que semella todo un anticipo do que estamos a vivir arestora.