Planet 51, cuarta nos EEUU

0
173

Planet 51A Sony Pictures Releasing ven de estrear nos Estados Unidos a produción española Planet 51 o pasado 20 de novembro en 3.500 salas de cinema, unha cifra moi semellante á que manexan os títulos da Pixar ou Dreamworks Animation.

E mália as críticas pouco benévolas que recibiu, o filme español de animación mais cobizoso da história foi capaz de recadar no seu primeiro fin de semana americano, prévia á sempre atractiva ponte de Acción de Grazas, un total de 12,6 millóns de dolares.

Con esta cifra, Planet 51 situa-se en cuarto posto do Box Office americano, somente superada pola nova entrega da saga vampírica Twilight (Lúa nova), o drama The blind side e mais o filme apocalíptico 2012. A produción da Ilion Animation Studios en coprodución coa Hand Made Films e Antena 3 Films adianta a títulos coma Conto de Nadal, Precious e The Men Who Stare At Goats, entre outros.

Producida por Ignacio Pérez Dolset e Guy Collins, Planet 51 chegará aos cinemas galegos o vindeiro 27 de novembro. O filme foi dirixido polo español Jorge Blanco xunto a Javier Abade e Marcos Martínez, mentres que o guión é obra de Joe Stillman, autor de éxitos de animación da talla de Shrek.

A produción mais cara da história do cinema español, cun orzamento de 55 millóns de euros, estreará-se nun total de 170 paises e mais de 100 marcas de todo tipo de produtos apostaron pola licenza de Planet 51. Os responsábeis do proxecto esperan vender  150.000 cópias do seu videoxogo só en España e uns doce millóns de bonecos distribuirán-se en 35 países a través dunha cadea de comida rápida. Todo este merchandising esta previsto que xere preto de 150 millóns de euros de benefícios.