O Relostro pode voltar a brillar

0
221

Th ShiningO escritor Stephen King podería estar a traballar na secuela de O Relostro, unha das suas obras mais célebres que levará por título Dr. Sleep. Foi o próprio King quen fixo o anúncio nun acto promocional do seu último traballo Under the Dome (Baixo a cúpula), unha novela que polo de agora xa conta cun proxecto de minisérie na TV por conta de Steven Spielberg. O autor de It ou Carrie asegurou que desde o verán leva traballando nesta secuela para ver se consegue ter entre as suas mans unha história que poda funcionar e saiba estar á altura do relato orixinal.

O único que King quixo desvelar é que a novela levará por título Dr. Sleep e que terá como protagonista a Danny Torrance, o neno da novela orixinal xa crecidiño. Segundo apuntou o autor, Dr. Sleep presentará-nos a Danny con corenta anos, vivindo en New York e traballando nun centro para enfermos terminais. Alá axuda a quen están por morrer utilizando os poderes que xa se albiscou que tiña en O Relostro.

Uns poderes que tamén usa para se gañar un diñeiriño apostando nas carreiras de cabalos. “A primeira novela nunca explica o que aconteceu co xove Danny e os seus poderes psíquicos“, apuntou King nunha entrevista xunto ao director David Cronenberg na que se negou en redondo a dar mais detalles. “Talvez se sigo falando diso non terei que escribi-lo“, sentenciou.

De todos os xeitos, King engadiu que a xente non debería “ficar contendo o alento” agardando a que apareza esta novela, e que probablemente nunca chegará a existir. Aínda así, King non puido pechar a porta ao rumor que el mesmo escomezara, e engadiu que “probablemente non é con total certeza, así que xa veremos“.

Publicada en 1977, The Shining (O Relostro) é unha das novelas mais emblemáticas na carreira de King que, como moitas outras obras do Rei do Terror, foi levada á grande pantalla, da man de Stanley Kubrick en 1980 nunha decepcionante película que protagonizou Jack Nicholson.