Adéus a Paul Naschy

0
170

Paul NaschyJacinto Molina Álvarez, mais coñecido coma Paul Naschy, finou o martes na súa casa en Madrid após de perder unha longa loita contra o cancro. O actor, guionista, produtor e director que mais fixo de lonxe polo xénero fantástico en España continuou traballando até o derradeiro intre, aparecendo nunha cadeira de rodas no pasado Festival de Cinema Fantástico de Sitges en outubro, onde poucos se decataron da gravidade da súa condición.

Alcumado decote coma o Lon Chaney español, Paul Naschy tivo unha longa e próspera carreira no cinema dende que apareceu por primeira vez coma extra no filme fantástico-relixioso de Nicolas Ray Rei de reis (1960), pero o seu traballo no xénero fantástico escomezou realmente en 1968 con La marca del hombre lobo, un filme que non só protagonizou, senón que guionizou.

Após diso, Naschy interpretou a moitos monstros clásicos da pantalla: o conde Drácula, Mr. Hyde, a múmia, o xorobado, e moitos outros viláns reais e imaxinários. O seu persoaxe mais popular foi o lobishome Waldemar Daninsky, nunha série de dez filmes (Licántropo foi o derradeiros deles, de 1996).

Naschy adoitaba escribir os guións dos seus própios filmes, e con Inquisición (1976) engadiu a dirección ao seu currículum. Mais tarde, cando o cinema español deixou o xénero fantástico, Naschy converteu-se en produtor, acadando manter ao xénero vivo e dándo-lle benefícios. Durante este periodo, rodou documentais para a televisión xaponesa, e chegou a facer a primeira coprodución hispano-xaponesa da história, o filme de lobishomes La bestia y la espada mágica.

Paul Naschy recebiu numerosos prémios pola súa adicación ao cinema, ao que lle deu nada menos ca 95 películas. En 2000, a revista Fangoria introduciu-no seu “Salón da Fama”, unha honra baseada nos votos dos fans de todo o mundo. E após de moitas décadas de lle negar mérito á súa obra, o cinema español pediu-lle perdón en 2001 outorgándo-lle a Medalla de Ouro ás Belas Artes.

As derradeiras producións de Paul Naschy son School Killer (2001) e a curta A Tell-Tale Heart (2001). En decembro de 2002 apareceu por primeira de derradeira vz coma actor de teatro na obra Las mujeres fragantes, unha versión do clásico de Oscar Wilde O retrato de Dorian Grey. E en 2003 fixo a súa primeira viaxe a Hollywood para participar en dúas producións: Countess Dracula´s orgy of blood e Tomb of the Werewolf, que supuxo a reaparición do seu persoaxe Waldemar Daninsky.

Naschy tamén contribuiu ao cinema galego, participando en filmes coma Era outra vez (Juan Pinzás, 2000), o primeiro filme Dogma do cinema español, e en 2010 estreará-se coa súa voz O Apóstolo, de Fernando Cortizo.

A súa obra sen rematar é La herencia Valdemar, da que puidemos ver recentemente o tráiler en NOVA FANTASIA.

En 1997, Naschy escribiu unha autobiografía, Memórias de un hombre lobo.