Finou o guionista de Alien

809

Dan O'BannonDan O’Bannon, o guionista de clásicos do terror e a ciéncia-ficción coma Dark Star (1974), Alien (1979) ou Desafío Total (1990), finou onte nun hospital de Los Angeles aos 63 anos de idade. Antes de escribir xunto a Ronald Shusett o guión de Alien, un dos títulos mais famosos do cinema de ciéncia-ficción, O’Bannon debutou co texto de Dark Star, unha das primeiras obras do gurú do terror John Carpenter, o seu amigo dende que coincidiran na Universidade do Sul de Califórnia. O’Bannon tamén foi responsábel da edición dese filme, no que ademais interveu como actor.

Antes de se embarcar na Nostromo, a nave onde transcorría a história de Alien, traballou no departamento de efectos visuais de Star Wars (1977), a primeira parte da saga galáctica de George Lucas. Pero foi o alieníxena mais ameazador da história do cinema o que marcou a sua carreira. Alien definiu por completo a carreira de O’Bannon, quen mantivo o seu nome nos títulos de crédito de todas as películas posteriores da franquía, mesmo a última: AVPR: Aliens vs. Predator – Requiem (2007).

Con Alien, coidei que como membro da audiéncia, o que non ves te asusta mais do que ves“, dixo O’Bannon sobre a decisión de non amosar ao alieníxena completamente até a parte final da película. Tras aquel filme de Ridley Scott, que catapultou ao estrelato a Sigourney Weaver, os seus traballos mais salientábeis foron a dirección de Return of the Living Dead (1985), segunda parte do clásico de George A. Romero Night of the Living Dead, e mais a adaptación do libro de Philip K. Dick en Desafío Total, con Arnold Schwarzenegger e Sharon Stone. Tamén foi o guionista de Screamers, Bleeders, Invaders from Mars, Lifeforce ou Dead & Buried, entre moitos outros filmes de xénero.