Supervivéncia dos mortos

0
202

A Magnet Releasing, unha empresa de produción de filmes de xénero filial da Magnolia Pictures e creada por Todd Wagner e Mark Cuban o pasado setembro, anunciou o luns que ven de adquirir os dereitos para os Estados Unidos da última película do lendário director George A. Romero, Survival of the Dead. O filme é coma se podía agardar unha nova entrega de zombis, que por certo acadou grande éxito nos festivais de Venécia e Toronto este mesmo ano.

A história ten lugar nun mundo desesperado e de pesadelo, onde os mortos camiñan sobre a terra, atacando sen descanso aos vivos. É a história de Plum Island, un fermoso refúxio onde o aillamento permitiu até de agora a unhas poucas famílias con cartos manteren-se afastadas do holocausto zombi.

Pero a medida que os seus habitantes van morrendo, os dous clans comezan a se dividir: os O’Flynn coidan que todos os zombis deben ser destruídos sen excepción, mentres que os Muldoon insisten que os seres queridos convertidos en zombi deben ficar “vivos” mentres se procura unha cura á enfermidade. O resultado será como é óbvio unha rifa entre as famílias que ten certa fasquía do Vello Oeste, e onde non fallará a brutalidade nin a violéncia.