3D ao rescate do cinema

0
202

Dende que en 1983 se estreara Tiburón en 3D, pasou moito tempo e a indústria do cinema comeza a se preguntar se chegou o momento de facer películas que non sexan de xénero fantástico en tres dimensións, o cal é bó sinal de que o cinema en 3D por fin é maior de idade. Avatar, a longamente agardada película de James Cameron, leva xa recadados 617 millóns de dólares (uns 429 millóns de euros) en todo o mundo dende a súa estrea, que foi só hai dez días.

O caso é que esta foi a fin de semana con maior recadación da história do cinema, grazas non só a Avatar, que levou a parte grande do roscón, senón tamén a Sherlock Holmes (co clásico persoaxe de Sir Arthur Conan Doyle convertido en superheroe), a segunda parte de Alvin e os Esquíos (tamén en 3D) e á comédia romántica It’s Complicated con Meryl Streep. En total foron 278 millóns de dólares só nos Estados Unidos, batendo o récord que estaba establecido en 261 millóns, cando en xuño do ano pasado O Cabaleiro Escuro gañaba adeptos nas pantallas.

Pero respeito de Avatar, que contou cun orzamento inicial de 300 millóns, dos cales leva xa recuperados 212 (iso contando só Estados Unidos e Canadá), a aposta de Cameron xa non semella tan arriscada coma hai só once días. Os executivos da 20th Century Fox están encantados coa choiva de cartos e as consideracións sobre segundas e terceiras partes xa non semellan tan afastadas.

En todo caso, o grande gañador é o 3D, un sistema que ofrece ao espectador unha experiéncia que non pode repetir na televisión nin baixándose a película de Internet, e que polo tanto asegura audiéncia ás salas de cinema. E ainda que levabamos vários anos con bós filmes en 3D, ou polo menos que supuxeron avances nesta tecnoloxía, coma Ice Age ou a saga de Final Destination, a longametraxe de James Cameron será o apoio decisivo a unha técnica que ven de lle dar novos azos a unha indústria que non pasaba polo seu mellor intre pero que seica por fin ten bós motivos para ollar o 2010 con novas esperanzas.