Reality Twilight

0
210

Se hai algo que aos americanos se lles dá ben, iso é vender. Ainda que sexa a costa do seu sentido do ridículo. Forks, unha pequena vila no Estado de Washington, foi o sítio elixido por Stephenie Meyer para ambientar os filmes da súa saga de Twilight, algo que desde logo non pasou desapercibido aos seus habitantes e ainda menos aos seus comerciantes. Así, dende hai un par de anos toda a vila vive envolta nunha loucura polos vampiros, tentando atrair aos turistas ás suas tendas, restaurantes e toda clase de comércios. O único que lles faltaba era facer un reality show para a televisión. E agora xa o teñen.

Daquela, cando unimos a literatura lixo co cinema lixo e mais a televisón lixo, o que é o que resulta? Pois un Grande Irmán con vampiriños adolescentes. O produtor Zig Gauthier está a preparar unha série baseada na xente real de Forks: “Obviamente non imos rodar no océano ou andar con esa clase de perigos, senón que a ideia é amosar como é a vida aquí realmente. Hai moitas maneiras nas que podemos facer isto, pero por suposto estamos ainda nas primeiras etapas“. Non haberá nada sobrenatural nesta mistura: “Queremos xente que teña unha conexión auténtica coa comunidade. Queremos evitar xente con reclamacións ultraterreas“.

Así que nin vampiros, nin pantasmas nin cousas do alén… todo moi descafeinado. Iso si, ambientado en Forks, a súa audiéncia será sen dúbida a mesma que é capaz de se tragar nestes intres calquera cousa que saia da imaxinación de Meyer, famenta polo sobrenatural pero sobre todo polas histórias románticas. Os únicos que sairán gañando serán ao cabo os comércios da pequena vila.