Sir Patrick Stewart en 2010

0
193

Ven de se dar a coñecer que Patrick Stewart, o clásico capitán Picard da série de televisión Star Trek: a nova xeración, está na lista das persoalidades que recebirán o nomeamento de Cabaleiro do Império Británico para o ano que ven. O actor, toda unha lenda nos escenários do teatro e mais nas pantallas de cinema e televisión, recebirá o título de “Sir” de mans da Raíña Isabel II polos seus servizos ao arte do drama.

O galardón de Stewart será a guinda para unha incríbel carreira que xa dura 50 anos no cinema e no teatro. Fontes do Palácio de Buckingham dixeron que a Raíña é unha grande fan do actor de 69 anos de idade, que interpretou ao capitán Jean-Luc Picard en Star Trek e mais ao Profesor Xavier en X-Men.

Stewart, un laborista no terreo político, é visto coma unha inspiración para millóns de votantes do partido de Gordon Brown no Reino Unido, xa que el mesmo loitou por saír da pobreza na que vivía cando era neno para se converter nun dos máximos expoñentes da súa profesión.

Nado en Mirfield, Yorkshire, fillo dunha costureira e mais dun sarxento do exército inglés, confesou que foi testemuña de malos tratos no seu fogar, o que lle impactou moito mentres medraba. Aos 15 anos deixou o coléxio para se converter en reporteiro, pero pasou tanto tempo ensaiando cun grupo local de teatro que o seu xefe lle dixo que elixira entre a actuación ou o xornalismo. E escolleu os escenários e foi traballar a Bristol coa Old Vic Theatre School.

Os directores temían que a súa calva lle marcase demasiado, pero el levaba unha perruca nas audicións e prometía ser “dous actores polo prezo de un“.