Avatar, mil millóns

0
189

Após de tan só 17 días, o filme de James Cameron Avatar ven de cruzar a fronteira dos mil millóns de dólares de recadación no despacho de billetes en todo o mundo, sobrepasando o megaéxito do ano pasado O Cabaleiro Escuro, que estaba no posto 4 da lista mundial de éxitos de todos os tempos.

De feito, se os números continúan medrando coas estimacións previstas, agárda-se que Avatar sobrepase a Piratas do Caribe III e mais a O Señor dos Anéis III, converténdo-se na segunda película mais exitosa de todos os tempos, tan só un posto por atrás doutro filme do mesmo Cameron: o clásico Titanic.

Polo de agora, como é de prever, a recadación vai baixando a medida que pasan as semanas, pero non por iso deixa de bater novos récords. Na súa terceira semana nas pantallas dos Estados Unidos, o filme de Cameron gañou outros 68 millóns de dólares, batendo o anterior récord de Spiderman 3, que era de 45 millóns para unha película na súa terceira semana.

Nestes intres e só nos Estados Unidos xa leva 352 millóns de dólares, e é a segunda película con mais éxito no despacho de billetes de 2009, o cal non está nada mal tendo en conta que só estivo dúas semanas nas carteleiras durante o ano pasado. Tan só Transformers 2 puido facer-lle sombra, con 402 millóns. Se ben agárda-se que axiña sobrepase esa cantidade, que a Transformers lle levou catro meses alcanzar.

Fóra dos Estados Unidos o filme é tamén un éxito sen precedentes, chegando ao segundo posto mundial para todo 2009, por atrás de Ice Age: Dawn of the Dinosaurs con 691 millóns, que Avatar sobrepasará en un ou dous días mais.