Coa Sony Pictures e mais o director Sam Raimi ainda en liortas por ver quen leva a razón no tocantes a que superfalcatruáns deben ser os protagonistas da cuarta entrega da saga de Spiderman, non só ven de se vir abaixo toda a programación para a produción que debía escomezar en primavera e que agora fica adiada, senón que tamén corre moito perigo a data de estrea do filme para 2011.
Raimi quere meter ao malvado Vuitre como principal antagonista de Spiderman neste filme, pero os estudos négan-se e queren que haxa outro superfalcatruán, e que ademais haxa un subargumento romántico coa gata Negra de por médio. Xa levan vários guións rexeitados por unha e outra parte, e Alvin Sargent é polo de agora o último en chegar a bordo. Ambas partes están agardando a que entregue o seu libreto para ver se lles convence.
Mália o anterior, a data de estrea oficial para o filme continúa a ser o 6 de maio de 2011, se ben a estas alturas xa semella imposíbel cumprir con ese prazo dado que os efectos especiais levarán moitísimo tempo de postprodución, coma adoita ser o habitual nestas superproducións.
E por mor deste adiamento, a axenda doutras producións tivo que se modificar asemade: Thor pasa do 20 de maio de 2011 ao 5 de maio, para encher o óco que deixa Spiderman. E a cuarta entrega da saga da Disney Piratas do Caribe pasa ao 20 de maio do mesmo ano.