A compañía Marvel Entertainment, proprietária de mais de 5.000 personaxes de ficción, apresentou unha demanda contra os herdeiros do debuxante Jack Kirby, que pretenden recuperar os dereitos sobre alguns súper-heroes, incluídos Spiderman ou O Incríbel Hulk.
Na demanda tramitada nun tribunal federal en Manhattan esta compañía, que foi adquirida pola Disney o ano pasado, pide ao xuiz que declare inválidas as reclamacións dos herdeiros de Kirby, quen traballou durante mais dunha década na empresa.
A Marvel explicou que en setembro pasado recibeu 45 avisos legais dos herdeiros de Kirby alusivos á cancelación futura dos dereitos de propriedade da empresa sobre alguns súper-heroes, incluídos os X-Men e Os Catro Fantásticos, e histórias publicadas entre 1958 e 1963. Os herdeiros do debuxante consideran que entre 2014 e 2019 lles corresponderá recuperar alguns dereitos trasferidos á Marvel, algo para o que esta empresa considera que non hai base legal.
A compañía de cómics, que ten a súa sede en New York, considera que as aportacións de Kirby ás suas publicacións, como os de outros escritores e debuxantes coetáneos, eran traballos contratados e dos que a Marvel é a única proprietária.
O avogado da empresa, John Turitzin, manifestou que as reclamacións dos herdeiros “son un intento de escribir de novo a história das relacións de Kirby coa Marvel“.
Marvel explicou que as leis federais sobre dereitos de autor estabelecen que aqueles traballos creados a petición e a costa dun editor durante os anos nos que ese artista traballou para a empresa son propriedade da compañía contratante e sinalou que os traballos aos que aluden os herdeiros axustan-se a esa categoría.
A empresa manifestou que os editores eran os encarregados de determinar en que traballos participaría Kirby, ao igual que con outros escritores e debuxantes, e eran pagados por iso.
O propósito da demanda apresentada pola empresa “é simplemente deixar as cousas claras” e obter unha declaración xudicial de que os avisos de cancelación de dereitos non son validos, segundo Turitzin.