Spiderman relánza-se

0
191

O luns coñeceu-se a nova de que a Sony Pictures e mais o director Sam Raimi, que levaban vários meses de tira e afrouxa por mor das diferéncias creativas ao redor da cuarta entrega da saga de Spiderman, veñen de rachar os seus acordos, e anunciaron que a Sony Pictures e mais a Marvel Studios teñen novos plans, que consistirán no relanzamento da franquía contando cunha equipa de produción totalmente nova.

A história utilizará o guión rexeitado de James Vanderbilt, que fai regresar a Parker ao seu papel de adolescente ateazado polos seus problemas como persoa humana e como superheroe: “Peter Parker é un adulto novo normal que conta con poderes extraordinários, o que sempre foi o fundamento que fixo deste persoaxe algo intemporal e atraínte para xeracións de fans. Estamos moi emocionados polas posibilidades creativas que veñen das raíces de Peter“, dixo a xefa da Sony Amy Pascal nunha rolda de prensa oficial.

Como resultado deste movemento, Sam Raimi (director) e Tobey Maguire (protagonista) fican fóra, con tan só unha nota de agradecemento da Sony. Raimi esencialmente dixera aos estudos que non podía ter un filme preparado para o verán de 2011, e os estudos, en vez de tenta-lo sen el, preferiron escomezar de novo, cun relanzamento da franquía no canto dunha cuarta entrega da saga actual.

O director de (500) Days of Summer, Marc Webb, é o principal candidato para sustituir a Raimi. Os estudos contan cunha “lista de desexos” na que aparecen James Cameron, David Fincher e Wes Anderson. Pero Webb é o único que polo de agora mantivo reunións cos produtores e mais os executivos dos estudos.

Estas novas fan que todas as anteriores notícias e rumores sobre Spiderman 4 fiquen anuladas: Kirsten Dunst non regresará e todas as conversas que contaban con o Vuitre e mais a Gata Negra xa non teñen valor algún. Os produtores Avi Arad e Laura Ziskin aínda están vencellados ao filme, coa mesma capacidade que antes, mentres están á procura dunha data no verán de 2012 para un Spiderman que mesmo podería rodar-se en 3D, a tecnoloxía de moda.

Os motivos de todo isto non están nada claros. Ainda que o orzamento de Spiderman 3 foi de 250 millóns de dólares e as críticas foron moi negativas, os fans acudiron en masa os cinemas e o filme recadou 890 millóns en todo o mundo, polo que á Sony non lle debería importar moito as subas de orzamento, o caché dos protagonistas nin o do seu caprichoso director. A Sony ten que seguir facendo filmes de Spiderman para non perder os dereitos sobre o persoaxe, así que aquí hai algo mais que non nos contaron.

Dende o punto de vista dun executivo dos estudos, todo cobra sentido porque se poden reducir os custes da rodaxe da seguinte película e se recuperaría o control creativo sobre a propiedade, ao contar cun director mais disposto a aceptar ordes. O regreso aos anos de mocidade do persoaxe no canto de explorar a vida dun trintaneiro casado semella mais doada de aceptar polo público e polos creativos. Voltar ao Peter de sempre, dándo-lle énfase ao romance, podería incrementar a audiéncia feminina e fará que de novo destaquen as súas diferéncias co seu máximo rival no despacho de billetes, o superheroe da DC Comics Batman, do que axiña se verán dúas novas entregas.

Todo isto ten o seu lado negativo: os fans de sempre perderán-se, a xente que é leal sobre todo a Raimi deixará de ir a ver o filme, e nos fóros da Internet as críticas mesmo antes de escomezar a se producir o novo Spiderman xa arrécian e poderían danar á franquía. En todo caso, a presión está agora do lado da Sony, obrigada a cumprir coa súa palabra e ter un bó filme en verán de 2012.