China censura a Avatar

826

Os internautas chineses veñen de reaccionar activamente á nova da censura da superprodución hollywoodense Avatar nunha grande parte das pantallas do país, a derradeira ditadura totalitária do planeta. “Avatar xa chegara tarde aos nosos cinemas. Como é que a retiraron tan axiña?” pregunta un usuário de Baidu, o principal fóro de Internet en China, controlado coma o resto polos responsábeis políticos do Estado.

Os navegantes sospeitan que as autoridades queren publicitar o filme de propaganda nacionalista Confúcio – que sairá este venres – e no que o actor honconés Chow Yun-fat dá vida ao ilustre sábio.

Os espectadores chineses, que até agora acodiran en masa a ver o filme de James Cameron, atoparon grandes semellanzas entre a persecución dos humáns contra unha tribo extra-terrestre e as expulsións forzosas que vive grande parte da povoación do xigante asiático, onde milleiros de persoas son botadas dos seus fogares por mor de decisións caprichosas dos seus dirixentes. Lóxicamente, a temática de liberdade e de ecoloxismo de Avatar non foi do agrado dos responsábeis políticos da ditadura, que procederon á retirada do filme sen prévio aviso e á súa substitución polo devandito filme de propaganda comunista.

Nombergantes, Zhou Baolin, responsábel de márketing de China Film, asegurou que “non hai ningunha relación entre a retirada de Avatar e a estrea de Confúcio. Se houber algún problema co contido de Avatar, non pasaría a censura prévia“.

Un artigo publicado no sítio Web de China Film, a principal distribuidora do país, alertou que por mor da masiva asisténcia do povo para ver o filme de Cameron, se non se procedía á súa inmediata censura, os filmes chineses non terían nin a menor oportunidade nos despachos de billetes, e iso que o país atópa-se inmerso en plea tempada de “hesuipian”, é dicir, das películas populares realizadas para festexar o fin de ano, cando a ditadura aproveita para incluir só cinema chinés e prohibir o resto.