Onte martes, día 20 de maio o Teatro Principal de Santiago de Compostela acolleu a un cinema feito con vísceras, entrañas e gamberrismo. Maldito Bastardo é a primeira longametraxe galega do xénero gore e cunha produción mínima ao marxe de todo…
Eles non o dubidaron dúas veces para asestar unha puñada ao convencionalismo do audiovisual galego. Eles non tiveron reparos para contar unha história coa que fulminar a cadáveres exquisitos de todo o mundo. Eles fixeron o que ninguén pensaba que fose posíbel. Eles son: Javi Camino, director, e Álvaro Novo, produtor.
O audiovisual galego tocou o xénero como en A matanza dos garrulos lisérxicos ou as curtas Toxic percebe, O váter susurra ou Heavy Vodoo. Mais agora, no 2008 chega a Galiza a proposta máis sanguenta de todas da man do doutor máis louco situado fora do Sergas…
Benvidos ao marabilloso mundo dos corpos despedazados e cortados con rebarbadora, de aortas-chafariz, de ollos saltaríns, de sexo brutal, de friquis locais e unha tolería alén de Conxo. Un filme na tradición dos inicios de Peter Jackson, de Sam Raimi, de Stuart Gordon…