A Warner Bros. Pictures decidirá contra o final da semana que ven se estrea o vindeiro filme de acción fantástica dirixido por Louis Leterrier Clash of the Titans (Choque de Titáns) en 3D.
Seica os estudos veñen de encargar que se fagan probas para lle dar unha nova dimensión ás actuais escenas en 2D e queren ver os resultados antes de proceder á estrea do filme. Agora que Avatar puxo de moda o 3D todo semella indicar que as produtoras lle perderon o medo á nova tecnoloxía, que ademais de mellorar a calidade da experiéncia do espectador no cinema, fai case imposíbel de piratear as películas producidas con este sistema. A conversión de 2D a 3D de Clash of the Titans sería neste caso a posteriori, dándo-lle un xeito semellante ao da recente Alícia no País das Marabillas de Tim Burton ou o Cabin in the Woods de Joss Whedon.
A sorpresa aquí é que esta decisión, de saír adiante, contaría con moi pouco tempo para se levar a cabo, xa que a estrea está prevista para o vindeiro 26 de marzo, o que sinifica que o proceso de conversión a 3D deberá facer-se nun tempo récord, probábelmente cun gasto considerábel. O filme ademais deberá competir esa mesma fin de semana contra outra longametraxe en 3D, o How to Train Your Dragon 3D da Dreamworks.